CELEBRACIÓN DA 1ª MESA DA AUGA (XUNTANZA PLENARIA) EN ABEGONDO


Augas de Galicia e o concello de Abegondo participan xunto coa Consellería do Medio Rural e EMALCSA no proxecto europeo LIFE+ Aqua – Plann. O ámbito de actuación deste proxecto é a bacía hidrográfica do Lugar de Importancia Comunitaria “Encoro de Abegondo-Cecebre”, formada por parte dos términos municipais de Abegondo, Carral, Cambre, Culleredo, Bergondo, Betanzos, Oza dos Ríos, Cesuras, Ordes e Cerceda. Este espazo ten unha relación histórica moi particular como “fonte” da Área Metropolitana da Coruña á que abastece de auga potable dende hai máis de 100 anos.


O feito da coincidencia no tempo deste proxecto coa elaboración por parte de Augas de Galicia do novo Plan Hidrolóxico Galicia – Costa, brinda a oportunidade de adoptar este territorio como experiencia piloto a pequena escala, do proceso de Participación Pública que se está a levar a cabo para o conxunto da Demarcación Hidrográfica. Así, preténdese poñer en marcha un foro de debate no que as xentes das Mariñas reciban información sobre o estado das súas masas de auga e expresen as súas opinións sobre como melloralas. Este proceso, resultado da aplicación da Directiva Marco da Auga, axudará a convencer a cidadanía de que a súa participación nas decisións que afectan ao seu ámbito é un dereito fundamental e de que a súa opinión, como expertos coñecedores do territorio, é tan valiosa como a do técnico ou a do político.
Para a mobilización social do proceso contouse coa axuda da Asociación Mariñas – Betanzos, que identificou a case 450 axentes situados no ámbito de actuación. Se trata de representantes dos sectores agrogandeiro, forestal, industrial e enerxético, empresarial, consumidores, asociacións ecoloxistas, universidades, centros de investigación, etc.
A primeira destas xornadas tivo lugar o pasado MARTES día 11 de Maio de 2010 ás 18.30 horas no Aula Multimedia da Casa do Concello de Abegondo, onde participaron representantes do Concello de Abegondo, de Augas de Galicia e de Mariñas – Betanzos.

Deixar un comentario