A iniciativa de promoción do consumo ecolóxico nos comedores escolares forma parte do Plan Alimentario da Reserva de Biosfera.
Co consumo de alimentos ecolóxicos nos comedores escolares, non só estamos decidindo sobre o que comemos, senón que, indirectamente, decidimos tamén sobre o modelo de produción, distribución e consumo destes produtos.
Esta decisión implica un alto nivel de responsabilidade social e ambiental.
Esta iniciativa pretende ademáis:
- Fomentar hábitos alimentarios saudables e sostibles nos comedores escolares, a través da introdución de produtos ecolóxicos, frescos, locais e de tempada.
- Potenciar os sistemas de produción ecolóxica animando á incorporación de novos produtores ou á conversión dos xa existentes a ecolóxico.
- Diminuír a pegada ambiental, fomentando as canles curtas de comercialización.
- Agromar na conciencia dos nenos e nenas un modelo produtivo respetuoso.
A Asociación Mariñas Betanzos ven traballando durante o Curso 2014/2015 na caracterización da produción ecolóxica na Reserva de Biosfera, analizando as demandas e requirimentos dos centros escolares que contan con servizo de cociña propio.
Analizouse a produción ecolóxica na Reserva de Biosfera, tomando datos de superficies, produtos dispoñibles e temporalidade das producións, e pódese concluír que a produción total é baixa, tanto en horta e froiteiras como en produtos cárnicos, detectando certos alimentos que non se atopan no territorio (lácteos, pastas e arroces, pan…).
Cinco colexios -con un total de uns 1.000 comensais- manifestaron su interese en participar no proxecto e a experiencia piloto levouse a cabo no CEIP de Curtis.
No mes de Abril os 70 alumnos deste colexio puideron gozar dun menú ecolóxico en base a produtos do territorio: sopa de verduras, albóndegas con arroz e xeado. Aproveitose a ocasión para divulgar os beneficios do consumo sostible na Reserva de Biosfera, cunha charla- taller cos cativos e cativas do centro escolar.
Por outra banda, no mes de Xuño os 276 comensais do CIP Vicente Otero Valcárcel de Carral degustaron un menú ecolóxico consistente en crema de cabaciña, albóndegas, e xeado ecolóxico.
Igualmente se impartiu unha charla divulgativa aos alumnos de 5º curso sobre os beneficios do consumo agroecolóxico e de proximidade.
Os resultados desde estudo e das iniciativas pilotos servirán para coñecer as potencialidades deste mercado nos próximos cursos.
VIVE A EXPERENCIA EN IMAXES!!!:vídeo “Consumo ecolóxico nos centros escolares”